Friday 03 de May de 2024

O Padroado da Cultura e a AVV “Os Irmandiños” do Val celebrarán este mes a Recreación das Lendas da Pena Molexa


A programación das Lendas da Pena Molexa retómase este ano cunha programación deseñada para tres xornadas e que presentaron a alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, e a tesoureira da AVV “Os Irmandiños” do Val, Patricia Pantín. Ferreiro avanzou que o acto central terá lugar o día 18 deste mes, se ben o programa inclúe dúas propostas anteriores, unha este mesmo venres, día 4, que consistirá nunha ruta cicloturista polo patrimonio do Val e que sairá ás 11.00 horas do Centro Cívico Social do Val.

Esta primeira actividade conta coa colaboración do equipo de Educación Viaria do Concello naronés e poderán asistir todas as persoas que o desexen, que terán a oportunidade de coñecer de preto o patrimonio da parroquia do Val. A Ruta cicloturista discorrerá por zonas de castros, casas medievais e construcións eclesiásticas, como son no caso desta parroquia da cidade a igrexa de Santa Margarita ou o convento de Baltar.

O vindeiro venres, día 10, ás 22.30 horas celebrarase a andaina solsticial, entre o convento de Baltar e a Pena Molexa. As persoas que desexen participar levarán fachos no percorrido que realizarán durante esta tradicional ruta propia da festividade de Pena Molexa.

Os actos centrais terán lugar o día 18, en horario de tarde-noite. Ás 18.00 dará comezo unha sesión de xogos populares e deporte rural e ás 20.00 unha churrascada popular para, a continuación, amenizar a celebración cun concerto de música popular da agrupación “3 Pesos”, ás 22.00 horas. A Lenda da Fada da Pena Molexa, que dá nome a esta tradicional festividade, comezará ás 00.00 horas, cunha recreación a cargo de alumnado da Escola de Teatro de Narón, que representarán a historia dunha moura que pola noite se convertiu en rocha coincidindo co solsticio de verán. Finalmente, ás 00.30 horas haberá regresará de novo a música popular, nesa ocasión a cargo de “Os Feroces da Galgueira”.

Marián Ferreiro agradeceu o traballo que cada ano realizan as veciñas e veciños do Val “para manter viva esta festividade, unha das máis representativas, pola súa historia, da nosa cidade e que nos permite manter viva unha tradición cultural da parroquia”.